Retorno ó Mundo da Fenda

Esta non é unha historia sobre un grupo de rapazolos e o mundo que crearon arredor da idea dunha inmensa, enorme fenda sen fondo, resto dunha guerra apocalíptica do principio dos tempos. Mundo que despois poboaron de países, vilas, xentes nunha noite de viño barato e moitas, moitas risas.

Non é unha historia sobre un mapa pintado cunha paciencia que ningún deles sabía que tiña, árbore a árbore, montaña a montaña, pasando de man en man durante meses.

Non é unha historia sobre as historias, ridículas, heroicas, súas, que contaron con ese mundo coma pano de fondo.

Nin unha historia sobre como ese mapa e ese mundo, despois de anos e anos de acumular po e silencio, volveu ás mans dun deles.

Pero si é unha historia que non existiría nin podería existir sen todas esas cousas.