4.2- Interludio: O Solsticio de Verán.

Mentres Liupold estuda o libro e busca na súa propia biblioteca, os nosos protagonistas tentan manter un perfil baixo. Adalbern e Sama pasean xuntos pola cidade mentres fan varias compras e Sama encarga un conxunto de roupas de máis postín ca as súas habituais, en caso de que teñan que mesturarse coa boa sociedade, e visto que andan por aí cun cabaleiro. Tamén buscan un bastón-estoque para o contrabandista, que rematan por atopar a bo prezo no Caravanserrallo dos arrabaldes da cidade. Durante estes paseos, Sama comparte con Adalbern a historia da desaparición da súa familia, que impresiona non pouco ó seu compañeiro.

Durante ese mesmo tempo Gwennyfar realiza os preparativos para a celebración do Solsticio de Verán, incluíndo a preparación -na súa habitación compartida- dunha beberaxe da que Adalbern só é quen de identificar o forte cheiro a alcohol e a participación probablemente involuntaria de varios tipos de herbas.
Chegado o día do solsticio, Gwennyfar invita ós membros do grupo, máis Liupold e Besbe, a participar na cerimonia. Visto que o solsticio celébrase de maneira popular en tódalas culturas da Costa de Ith, todos eles acceden.

Na tardiña do solsticio, Gwennyfar e os demais reúnense nun claro da fraga ó Norte da vella muralla da cidade. Liupold non apareceu finalmente, aínda que semellaba moi interesado cando Gwennyfar llo propuxo. A carón dunha cacharela aínda por acender e un lume máis pequeno no que preparou a cea, Gwennyfar agarda vestida coas súas mellores galas druídicas, unha estraña visión en branco e negro. O vestido branco cuberto de flocos a xogo co tocado, tamén con longos flocos que lle cobren a faciana, o corpo pintado tamén de branco a excepción dos antebrazos, as polpas, mans e pés, e a parte visible da faciana, todas elas en negro. Leva unhas pólas retortas a modo de cornas de cervo, e pulseiras en mans e pés con anaquiños de metal colgados a modo de axóuxeres improvisados. Unha vez acendida a cacharela, sérvese a cea de lebre asada acompañada de sidra, durante a cal Gwennyfar conta un relato da orixe do mundo, a Lúa e o Sol segundo a súa versión da Vella Fe. Finalizada a cea, sérvelles ós participantes o “Gwaed y brenin” ou “Sangue de Reis”, a beberaxe que Adalbern lle vira preparar. Esta tintura, espesa e vermella é parte do ritual do solsticio, sendo levemente alucinóxena.
Preparados todos para o resto do ritual, Gwennyfar entrega un pandeiro a Sama e pídelle que toque un ritmo solemne, cadencioso. Seguindo ese ritmo a druída comeza a danzar. Lentamente ó comezo, con pausas bruscas que fan sonar os axóuxeres dos seus pulsos e tornecelos, Gwennyfar baila e canta, primeiro sen verbas e despois na lingua dos elfos silvanos. Baixo a influencia do “Gwaed y brenin”, todos senten como o baile, a música e todo o entorno semellan compasarse. As pólas, o lume, os cabelos e flocos de Gwennyfar, todo segue o mesmo ritmo. Puntos de luz branca fórmanse nas partes do seu corpo pintadas de negro ata que se converten en estrelas no baleiro do ceo nocturno. É coma ver dúas cousas a un tempo. Por unha banda a pequena e esvelta figura da elfa, e por outra o firmamento da noite máis curta do ano.
Sen se decatar, e sen poder evitalo, Sama comeza a aumenta-lo ritmo do pandeiro, e tanto o baile de Gwennyfar coma o resto do universo e mesmo as respiracións e os latexos dos corazóns dos presentes séguenlle o ritmo. Cada un dos presentes afonda nunha visión propia, privada e distinta das dos demais mentres a danza continúa cada vez máis rápida e primordial. Gwennyfar escenifica unha cacería espiritual, lanza en man, arredor da cacharela mentres o ritmo sube e sube, os latexos dos corazóns marcando case un redobre nos peitos dos participantes. A herba medra baixo os pés lostregueantes da druída, as pólas das árbores semellan bailar con ela e mesmo as cornas que leva no tocado florecen nos compases finais da danza, que xusto no momento de acada-lo paroxismo cun último berro… Remata.

Erguéndose sen máis cerimonia, Gwennyfar despide ós seus compañeiros. Besbe, extremadamente impresionado polo ritual, queda con ela mentres os demais volven ó Segredeiro…
E caen nunha emboscada. Un abano de lume abátese sobre deles cando están a chegar ó templo, dispersándoos e feríndoos, e facendo que sexan presa máis fácil para varios Máscaras Pálidas. Mentres Adalbern comeza un duelo de axilidade contra o pequeno enmascarado que o apuñalou polas costas, Sama lánzase sobre os inimigos cos seus xa clásicos floreos preliminares, probando as defensas dos rivais con ataques simulados antes de se lanzar a pola xugular. O meigo que lanzou o conxuro de lume consegue inmobilizar a Angra con outro conxuro, e a pesar dunha bala de funda ben apuntada por Adalbern, non o libera do feitizo ata pasados uns instantes vitais. Finalmente, Sama da boa conta dos seus opoñentes e entre el e a rabia do recén liberado Angra, a supervivencia do feiticeiro mídese en segundos. O atacante de Adalbern, vendo a derrota dos seus aliados, tenta fuxir só para ser abatido por outra bala da funda do contrabandista.
A estas alturas, varios acólitos do Segredeiro saíron atraídos polo ruído, tarde de máis para axudar pero visiblemente consternados polo que acaba de acontecer. Ós poucos momentos úneselles Liupold quen por un intre perde a súa habitual compostura, a súa faciana contorsionándose nunha máscara de odio para logo recompoñerse. Aínda así non é quen de disimula-lo profundo noxo que sinte cara ós Máscaras Pálidas caídos.
Ó rexistrar a estes, o grupo descobre que teñen as roupas enchoupadas, de maneira semellante ó que describira Liupold dos seus gardiáns cando estivo preso no Estaleiro, pero ademais teñen as botas e parte dos pantalóns manchados de limo escuro, limo coma o que se atopa no fondo do río, máis ca nos canais da cidade. As máscaras son iguais ca as que portaban os captores de Liupold, a súa maxia disipándose lentamente igual ca nas anteriores, coma se xa tivera cumprido o seu propósito…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *