5.- A Torre Branca

Unha vez saben que as portas da Torre Branca están abertas, os nosos heroes son conscientes de que non hai tempo que perder. O Satarca fuxiu, derrubando o túnel tras de si, e aínda que semella que os Máscaras Pálidas non foron quen de descifrar o código do artefacto, iso non quita que vaia tentar acceder á Torre.

Hai unha pequena discusión sobre que facer co corpo draconiano do que perdeu a súa máscara. Adalbern considera importante amosarllo a Liupold e, eventualmente, ás autoridades. Os demais opinan que é complicado de máis de levar de volta polo túnel asolagado. Finalmente, o honrado e non violento contrabandista practica a súa segunda decapitación en poucos días e leva a cabeza metida nun saco.

De volta no bote con Dona Îdrán, retornan ó Segredeiro e poñen a Liupold ó corrente do acontecido. Quererían poder descansar, pero todos saben que é un risco grande de máis, así que, cos dous eruditos entusiasmados, parten cara á Torre Branca. Para disimula-las súas intencións levan con eles ó cociñeiro persoal de Angra para que lles prepare unha comida campestre e, nun momento de pouco tránsito polo parque, entran na lagoa artificial para buscar as portas de entrada que viron no plano máxico baixo O Dente.

O soto da Torre Branca ten un aire solemne, e a serenidade melancólica dun lugar que leva baleiro séculos e séculos. A construción é da mesma pedra branca, coa semi-translucidez do alabastro, e os chans están lousados no mesmo material. O andar circular está dividido en dúas estancias, cunha gran estatua dun guerreiro do Imperio Élfico dominando o centro da planta. Unha banda ancha de mosaico cruza a habitación dende as portas dobres polas que acaban de entrar os nosos protagonistas ó pé dunhas escaleiras que suben seguindo a parede do fondo ata unha porta. Dúas estatuas máis pequenas, vestidas coma dignitarios ou nobres do Imperio, ollan fixamente cara á estatua meirande.
Cando poñen o pé na sala, un círculo de liñas irregulares, obviamente máxico, comeza a relumbrar no chan arredor dos pés do guerreiro pétreo, e unha voz poderosa que semella saír da estatua fala en élfico: “Bo día, nobres visitantes. Co nome do Emperador nos vosos beizos, sede benvidos.
Por suposto, os nosos heroes non teñen nen idea de que emperador do antiquísimo e moi extinto Imperio Élfico está a falar a estatua. Dona Îdrán, medio estupefacta aínda por se achar dentro da Torre, non é quen de poñer unha data á estatua nen á Torre, sendo así incapaz de axudar. Ó non recibir resposta, a estatua do guerreiro anímase e avanza cara ós personaxes. Sama fai retroceder a Liupold e Îdrán ás escaleiras inundadas para protexelos do coloso que avanza, repetindo a intervalos regulares. “Bo día, nobres visitantes. Co nome do Emperador nos vosos beizos, sede benvidos.” Sama e Angra fanlle fronte mentres Gwennyfar tenta rodear por un lado. A estatua en principio non ataca con ánimo de danar, senón que atrapa a Sama e méteo baixo do brazo, pero Angra reacciona rapidamente forzándoa a liberar ó seu compañeiro. Cando a estatua comeza a perseguir a Gwennyfar, as portas principais pechan de súpeto deixando a Liupold e Îdrán illados no exterior. O combate continúa, con Sama escapando acrobáticamente da estatua sen deixar de berrar nomes de emperadores élficos, reis Narinen, algún emir Razemi e probablemente varios personaxes de contos populares mentres Angra tenta atopar un punto feble, visto que unha cimitarra non é a mellor arma contra un inimigo feito de pedra. A estatua continúa e berrar mecánicamente cada poucos segundos “Bo día, nobles visitantes. Co nome do Emperador nos vosos beizos, sede benvidos.“. Gwennyfar rodea o combate para investiga-la habitación contigua, máis pequena. Atopa un enorme andel de madeira coidadosamente petrificada, material típico do Imperio Élfico, ateigado de tubos do tipo usado para conter pergameos. Hai inscricións no andel, pero o dialecto é antigo ou estraño de máis para que Gwennyfar o descifre sen lle adicar tempo e paciencia. Dende a porta, a elfa observa o círculo máxico no que estaba asentada a estatua, descubrindo que varios dos símbolos inscritos teñen que ver coa vixilancia e coa visión ou a vista.
Mentres Angra e Sama continúan o combate, agora tentando enlear as pernas da estatua cunha corda, ó que o autómata responde desenvaiñando a súa espada de pedra e cortando a corda dun monstruoso golpe, Gwennyfar ten unha idea. Dirixíndose a unha das estatuas máis pequenas, envólvelle a cabeza co seu pano, facendo que deixe de ollar cara ó círculo máxico. As luces deste diminúen un pouco e a estatua semella moverse con máis lentitude, cousa que Angra agradece mentres detén os poderosos mandobles pétreos co seu escudo. Gwennyfar está a se dirixir cara á segunda estatua cando o guerreiro de pedra vírase de novo cara a ela e os agudos oídos da elfa oen como a porta do cumio das escaleiras, ás súas costas, ábrese cun leve son. Sen perder tempo sube a toda présa, só para ver como a porta pecha de novo. Ó ollar cara á estatua decátase de que Sama, despois de buscar no seu petate atopou o fiel tinteiro que lle acompañou todos estes anos nos camiños e lanzouno directamente á faciana da estatua, cubríndolle os ollos. Tendo claro xa que é a ollada do guerreiro a que abre as portas, Gwennyfar tenta descender a toda présa, saltando das escaleiras a unha das estatuas menores. Cae mal, pero consegue achegarse á estatua, lanzándolle unha pequena bola de lume que falla, perdéndose ó fondo da habitación. Entrementres Angra, colgado dos ombreiros do autómata, consegue envolverlle a cabeza coa súa capa, para desesperación de Gwennyfar. A druída, decidida a despexa-la liña de visión da estatua, achégase o máis posible mentres berra ós seus compañeiros que se dirixan ás escaleiras. A queimarroupa lanza un novo proxectil flamíxero que prende a capa de seda queimándoa xunto coa tinta. A porta das escaleiras ábrese de novo, e Gwennyfar usa de novo a estatua máis pequena coma chanzo para subir ata a porta, manténdose entre esta e a estatua do guerreiro. Finalmente todos cruzan e cando a estatua aparta a ollada para se dirixir ó pé das escaleiras, a porta pecha tras eles cun -clic-. E Sama deixa de berrar nomes.

Este andar da Torre está ocupado por unha soa estancia, completamente baleira a excepción do oco da escaleira pola que chegaron os nosos heroes, e unha escaleira de caracol completamente emparedada formando unha especie de cilindro pechado de pedra, xusto ó outro lado do andar. No centro do chan, o perverso Símbolo que xa viran en Arneshault emite unha especie de antiluz nunha cor imposible que fai mal nos ollos. O Símbolo é máis grande ca calquera outra forma del que teñan visto, varios metros de diámetro, e semella xurdir da pedra do chan coma unha vea varicosa ou un tumor sucado por ramificacións máis escuras, pulsando cun movemento noxentamente orgánico. O grupo divídese, con Angra avanzando cara ás escaleiras opostas, Sama buscando rastros no chan, e Gwennyfar quedando atrás con Liupold e Îdrán mentres observa o Símbolo. Ningún deles se achega. Poden non ser a xente máis prudente do mundo pero non son tan imbéciles.
Cando Angra está a chegar preto das escaleiras, escoita voces, voces que as orellas de elfa de Gwennyfar tamén detectan. Ender Nydgart conversa con outras dúas persoas. Un deles ten a voz do descoñecido que fuxiu do incendio de Sloss Dyalane, e semella que Ender o trabucou polo Cabaleiro Armin. Está a lle agradecer a súa axuda para abri-la porta pechada maxicamente que conduce a este andar. O terceiro en discordia semella ser o experto contratado por Ender, que se chama a si mesmo Sedheriab. Non está moi contento co ton condescendente o Estraño.
Rapidamente Angra retrocede, indicando ós demais que fagan o propio. Gwennyfar agóchase no oco da escaleira xunto con Liupold e máis Îdrán, mentres Sama carga a bésta que recuperou dun dos Máscaras Pálidas mortos e agarda a que aparezan as novas incorporacións.
No intre en que asoman, Sama dispara a Ender, feríndoo no ombreiro. O Estraño, vendo ós nosos protagonistas, desenvaíña unha espada de cabaleiro e avanza cara a Angra, mantendo a súa fachada coma Armin de cara a Ender, culpando a Angra de querer destruír o futuro da casa Nydgart e de estar influenciado por Gwennyfar, a quen se refire usando un nome extremadamente arcaico para os elfos. Sedheriab, un home de obvio orixe Nikvane e que corresponde coa descrición que lles dera Hertot, semella desentenderse do combate e rodea o Símbolo, estudándoo con curiosidade case académica.
Angra e Sama combaten contra o Estraño e Ender, que tenta infructuosamente poñer paz, só para ser atacado repetidas veces por Sama, o cal non gusta a Angra que pode non ter moita amizade co seu curmán, pero decátase de que é evidentemente vítima dun engano. Mentres, Gwennyfar e Sedheriab observan o Símbolo cada un polos seus motivos pero evidentemente compartindo unha certa curiosidade.
Angra consegue convencer a Ender de que o Estraño non é Armin, principalmente grazas a que as súas feridas en lugar de sangrar supuran unha especie de xelatina purulenta branco-purpúrea, coma se todo o seu interior estivese licuado. Ender limítase a se interpoñer entre o Símbolo e os combatentes, aínda confuso de máis pola situación. O Estraño continúa a combater, as súas feridas pechándose con rapidez mentres que unha sensación de frío envolve a todos os que se atopan entre el e o Símbolo. Concentrándose por completo nel, Sama e Angra conseguen por fin facelo caer.
Mentres isto acontece, Gwennyfar e Sedheriab continúan a estuda-lo símbolo, atacándoo con diferentes tipos de maxia e comprobando que semella ter algún tipo de aura protectora. Un indicio de movemento na escaleira atrae a atención de Gwennyfar, que distingue a figura embozada e a máscara do Satarca. Lanzando un proxectil ígneo que non lle acerta, berra un aviso ós seus compañeiros pero o Satarca actúa rapidamente, lanzando unha vez máis un dos seus globos de lume mentres proclama na súa lingua draconiana, que por sorte Angra pode entender “PERTURBADORES! Non deixarei que destruade-lo Embigo!“. A réplica furiosa de Angra acerca do embigo da proxenitora do Satarca morre nos seus beizos cando a esfera de cristal dalle de cheo no peito, estourando nunha laparada que o envolve. Sama faise a un lado con axilidade, e Gwennyfar tenta afastar a Ender, sendo atrapada polas lapas ó facelo. Ender cae sobre o Símbolo, activando a aura de protección que curiosamente non reaccionara á man de Sedheriab hai uns intres. Mentres Ender, recuperado da caída, carga contra o Satarca, Sama administra a Angra a segunda apócema curativa atopada no campamento dos Máscaras. Angra, case tan furioso co Satarca coma o estaba co Estraño, lánzase ó combate encargando a Sama que decapite o corpo que segue a se rexenerar das súas feridas. Sama ponse a elo, non sen dificultade dado o carácter gomoso da carne do Estraño, e os dous curmáns aristócratas combaten ferozmente co Satarca, mentres unha víbora que non é outra ca Gwennyfar tenta sen moito éxito envelenalo coa súa mordedura.
Decapitado o Estraño, Sama comproba con sorpresa como o toco do pescozo cortado comeza a rebordar a mesma masa xelatinosa das feridas, avultándose coma se estivese a formar unha nova cabeza. Para agora, Gwennyfar deduciu que a protección do Símbolo sintoniza co tipo de ataque recibido e precisa uns segundos para adaptarse a un tipo novo, co cal ela e Sama comezan a alternar ataques máxicos e físicos nun ciclo que semella ser efectivo, a xulgar polas múltiples reaccións noxentas da masa tumefacta.
Cun berro de ira e frustración, Angra afunde a súa cimitarra no peito do Satarca, que aferra o seu brazo con dedos engarrados mentres tatexa co seu derradeiro alento. “Estúpidos, irreflexivos, non sabedes o que ides destruir! O Facedor. Buscade ó Facedor, por piedade. Polo ben de todo o que é. Ele iluminaravos…” Tan só uns intres despois o Símbolo desestabilizado polos continuos ataques de Gwennyfar e Sama estoura nun escintileo de anti-luz que cega momentáneamente a todos. Cando recuperan a vista, do Símbolo non queda nada, e do Estraño apenas dúas mandas de masa amorfa da cor da putrefacción.

Pero Gwennyfar viu algo máis. Os ollos da elfa, se cadra protexidos do lostregueo máxico da destrución do Símbolo, decatáronse de que o Estraño desapareceu un intre antes ca o Símbolo.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *