6.1 Fragmentos do Outro Lado

A viaxe cara ó interior de Hynder leva un par de días, e sucédese sen máis novidade. O grupo pasa varias pousadas e un feixe de pequenos asentamentos que van dende aldeas a grandes granxas illadas, fogar de familias extensas, e mesmo algún campamento de cazadores, carboeiros e recolledores de falsámbar, a resina dos abetos prateados únicos da Meseta. Chegados ó campamento base dos prospectores, un claro artificial no profundo dos bosques de Hynder, son recibidos polo capataz, que lles ofrece a súa hospitalidade e toda a información da que dispón, que non é moita. O grupo de prospectores formado por unha ducia de mozos do Clan partiu hai dúas semanas e non chegou a reportar cando debería, hai agora unha semana. Coma o campamento base está sempre bastante curto de homes os esforzos para atopalos víronse limitados. Os personaxes pasan a noite na cabana onde se aloxaba o grupo desaparecido, un barracón bastante ben construído con troncos, espartano en decoración pero sorprendentemente cómodo no clima frío e húmido da Meseta. Rexistrando a cabana atopan o que semella ser un pequeno ídolo ou boneco de madeira tallada, pero nada máis digno de mención.

Ó día seguinte parten seguindo as indicacións do capataz cara ó primeiro e único campamento dos prospectores ausentes. O lugar presenta un aspecto case fantasmal, coa roupa tendida, as achas do lume consumidas por completo ata a cinza e mesmo comida aínda nas mesas de campaña. Este último detalle é especialmente inquedante e chama a atención sobre a ausencia de animais na zona. Mentres Sama e Gwennyfar inspeccionan o perímetro, Angra diríxese á comida. Uliscándoa, atópase de súpeto na linde do bosque sen saber como nin por que camiñou cara a ela. O intervalo entre ulisca-los restos da comida e ‘espertar’ baixo a sombra das árbores está totalmente en branco. Antes de que poida reaccionar ou comunica-lo sucedido, Gwennyfar albisca algo branco entre as matogueiras. Os seus ollos de elfa localizan a tres coellos brancos ollando cara ó claro no que se atopan, e a druída, sen perder un intre, comeza a se despoxar das súas roupas. Sabedores do que isto significa, o resto do grupo prepáranse para a acción. Cando Gwennyfar transfórmase nunha loba e sae na persecución dos tres coellos, os seus compañeiros perséguena tan rápido coma poden. Angra avanzando pola espesura coma un touro embravecido mentres Sama e Adalbern choutan, gabean e en xeral móvense polo bosque case coma nativos. Os coellos son endiañadamente rápidos, e manterse ó alcance da vista precisa de toda a concentración dos nosos heroes. Tanto é así que a piques están de se meter de cabeza nun círculo de cogomelos. Deténdose xusto a tempo, decátanse de que o ceo por riba das súas cabezas está escuro e inzado de estrelas de cores estrañas, aínda que non debería ser máis aló do mediodía. Cun arrepío decátanse de que perseguindo ós tres coellos brancos cruzaron o Veo das Fadas e moi probablemente están no Outro Lado.

Examinando o claro co círculo de cogomelos, atopan o rastro de moitas pegadas ananas, que romperon o círculo e continúan nunha dirección distinta á que seguiron os coellos. Decidindo que a prioridade é atopar ós ananos seguen o rastro por un bosque cada vez menos familiar de follas cor vermello intenso e árbores de cortiza branca e negra. Despois dunha boa andaina atópanse cunha escena… Peculiar.
Diante deles érguese un patíbulo toscamente construído, e subido nel cunha corda ó pescozo atópase un home vestido coas roupas sinxelas dun labrego ou un cazador. No chan que rodea o patíbulo, pedras brancas de distintos tamaños forman unha espiral e ollando cara ó home hai tres animais, pero non son animais normais. Un deles é un lobo que semella cuberto e parcialmente feito de musgo, flores e fungos, con ollos dun profundo verde. O segundo é un cervo, altivo e señorial, coas cornas cubertas de sangue medio coagulado e guirlandadas do que semellan ser vísceras. O terceiro case pasa inadvertido ó principio, sendo o máis pequeno dos tres, un teixugo rexo e de aspecto feroz, co que ten toda a pinta de ser unha caveira humana pintada sobre a faciana a modo de ‘pintura de guerra’.

Ás preguntas dos personaxes, os tres animais feéricos responden que están a xulgar ó campesiño por cometer tres graves crimes. Tras unhas cantas voltas descobren que eses tres crimes son Invasión, Impiedade e Asasinato. Cada un dos tres xuíces avalía un deles e están preto de pronunciar sentenza. O home aterrorizado pide axuda e o código cabaleiroso de Angra non lle permite ignorar a súa desesperación. Os personaxes conseguen negociar cos tres xuíces a súa participación coma defensores do home, que di chamarse Frolle. O primeiro xuíz en falar é o lobo Blaidd, que acusa ó home de entrar nas terras das Fadas sen permiso, un crime que sería menor de non ter dado pé ós seguintes. Non semella estar especialmente en contra de Frolle nin dos personaxes pero si soa moi protector con respecto ó seu territorio e ás súas xentes. Os personaxes argumentan que eles mesmos cruzaron sen permiso, ó facelo por erro pero Blaidd retruca que eles recibiron unha invitación e de feito cruzaron seguindo ós emisarios da Realeza. Un tanto confusos, pasan a falar co segundo xuíz, o cervo Feidd. Feidd síntese claramente superior ós mortais e moi ofendido coa impiedade de Frolle. O humano, perdido nas Terras das Fadas, buscou refuxio dunha tormenta dentro dun Cair, un lugar sagrado. Non só o profanou coa súa presencia, senón que fixo lume dentro del e mesmo fixo as súas necesidades ó seu acougo. Unha vez máis os personaxes poñen o descoñecemento de Frolle coma argumento da súa defensa, pero Feidd non está inclinado a aceptalo. Entrar sen respecto nun lugar claramente construído, non tan distinto a outros lugares sagrados antigos que os humanos coñecen aínda que xa non usen, e profanalo de semellante maneira é un delito grave que só pode ser purgado servindo a aqueles a quen ofendeu. Non por moito tempo… Dende o punto de vista dunha fada. Apenas douscentos anos. Aínda que Feidd asegura que o paso do tempo será suspendido para Frolle mentres cumpre a súa sentenza, Angra argumenta que ese castigo non restitúe o lugar sagrado e polo tanto non fai xustiza. Pouco a pouco vaise negociando unha alternativa na que por unha banda Frolle recibe uns anos de mala fortuna nas colleitas, pero non tantos coma para poñer á súa familia en serio perigo, e uns anos aínda máis longos de sufrimento en forma de gabañóns. Ademais, os personaxes comprométense a atopar un dos vellos lugares sagrados que antano formaban un dos pasos entre o mundo dos mortais e o das Fadas e restauralo para que o poidan utilizar de novo. Os dous selan o acordo cuspindo no chan. En Mochradd o teixugo, por outra banda, os personaxes atopan ó máis agresivo dos tres xuíces. O teixugo non semella disposto a aceptar menos ca a vida de Frolle a cambio da vida do Gwynnen que non só matou, senón que cociñou e comeu. Os Gwynnen son os emisarios da corte local das Fadas, e toman a forma de animais brancos. Frolle, esfameado despois de varios días perdido nun lugar en que as prantas resultaban de todo descoñecidas e polo tanto potencialmente perigosas para comer, cazou e comeu o que el consideraba simplemente un coello. Unha vez máis o descoñecemento é xulgado irrelevante coma eximinte. Mochradd só aceptará de Frolle a reposición da pel branca do Gwynnen para poder nomear a outro emisario que o substitúa. E o seu plan non é outro que tomar a pel do propio Frolle, que toma esta revelación tan ben coma se pode esperar. Despois dunha breve negociación Gwennyfar lembra as tres peles de coello brancas, prístinas, puras que lle agasallou o seu mentor, indicándolle que eran algo moito máis precioso e poderoso ca simples peles de animais. Ofréceas a Mochradd a cambio da clemencia para Frolle, e a rápida aceptación do teixugo faille sospeitar, se cadra tarde de máis, que probablemente podería ter ofertado só unha delas. Así e todo, o acordo é selado unha vez máis con cuspe, esta vez tinguido de sangue. Só queda decidir o xuízo de Blaidd o lobo, e Sama discute con el sobre a proporcionalidade do castigo. A invasión en si mesma non foi danosa, e se ben é certo que sen ela non tería existido a posibilidade dos outros dous crimes, non é xusto aumenta-la gravidade dun só porque outros foron cometidos. Blaidd insiste en que unha invasión non pode quedar sen castigo, visto o perigo que supón para as xentes das Terras das Fadas, e Sama replica que non só as Fadas teñen familias das que se preocupar e ter conta. Frolle ten unha familia tamén, e se cadra sería mellor para todos forxar unha alianza que non fomenta-la inimizade castigando un accidente con excesivo rigor. Blaidd semella interesado e a negociación continúa. Frolle, que non está en situación de se negar, acepta conceder ás fadas dereito de libre paso polas súas terras, e forxar unha alianza de axuda mutua que quedará selada coa entrega dun dos seus fillos ou netos -visto que o tempo é moi distinto para as fadas e os mortais-, que vivirá coma un da Boa Xente. Sama e Blaidd pechan o acordo da forma xa descrita, e co xuízo rematado a conversa vira ó tema dos personaxes e a súa presencia. Supúñase que tiñan que seguir ós emisarios pero están eiquí en lugar diso. Explicando o motivo da perda da pista dos emisarios, atopan que os Tres Xuíces non saben nada dos ananos, ou iso din, pero aceptan levalos á Corte, onde se terían que ter dirixido orixinalmente. Durante todo este tempo Adalbern mantense aparte, lanzando olladas supersticiosas cara ás fadas e rosmando polo baixo. Só cando parten decátanse de que non viron máis a Frolle dende que rematou o xuízo.

Durante o seu camiño cara á Corte, xurde unha tensa conversa entre os personaxes cando Sama expresa profundas dúbidas sobre a necesidade de intervir neste xuízo para defender a un completo descoñecido. A postura de Angra é moi clara e firme. El persoalmente non podía deixar a un home indefenso ante dun tribunal que tiña claramente decidida a súa sentenza. Gwennyfar por outra banda cuestiona máis profundamente os fundamentos éticos da conduta de Sama, o que leva a unha conversa máis longa na que o caravaneiro expresa o moito que Gwennyfar ten inspirado nel sentimentos de introspección que nunca antes lle foran propios. Os Tres Xuíces asisten á conversa co aire de profundo entretemento do público dunha comedia bufa. Despois dun día e medio de viaxe, no que descobren a abraiante paisaxe das Terras das Fadas a medida que ascenden un pronunciado outeiro, con enormes árbores do tamaño da máis alta torre que teñan visto rompendo o teito do bosque eiquí e aló, e aloxando luces coma grandes lanternas entre as súas pólas, contra o fondo dun ceo pintado con cores que normalmente só se ven nas xoias da terra, por fin chegan á Corte das Fadas. Un estrado natural no cumio do outeiro, onde un carballo ancián acolle entre as súas raíces un trono de madeira vivinte no que senta, custodiada por catro gardas de aspecto severo, a Realeza. A Realeza é unha figura andróxina, de pel morena e corpo esvelto, que semella a un tempo profundamente aburrida coa mesma existencia, e avidamente interesada polos personaxes ata o punto da coquetería. Interrógaos sobre a súa presencia, aceptando a historia sobre a criatura dos Elevadores con menos sorpresa da que esperaban os personaxes, pero sen dar unha resposta clara. Respecto dos ananos, confesa que non son boa compañía, e de feito semella atopalos frustrantes no seu constante desexo de ser liberados e voltar ás súas tarefas. Pedindo ós personaxes que se acheguen, cousa que fan a excepción de Adalbern, que aproveita o seu sixilo natural para se ‘despistar’, a Realeza deslízase dende o seu trono e comeza a examinalos de preto, facendo os seus pases de coqueteo moito máis evidentes. O primeiro en recibir toda a intensidade da súa atención é Sama, escuro, misterioso e perigoso. Mentres se achega a el, o monarca feérico toca docemente un dos brazos de Gwennyfar, e se nota o profundo rubor da elfa non fai comentario ningún. Pero Sama non está polo labor de ‘entreter’ á Realeza para compensar polo aburrimento dos ananos. Deixándoo atrás cun suspiro de decepción, a Realeza achégase a Angra, non antes de agarimar as costas de Gwennyfar unha vez máis cando pasa ó seu carón. Angra, estoico e un algo testarán, tampouco semella estar moi disposto a proporcionarlle ‘entretemento’. Está todo perdido? Deixarán os nosos heroes ós ananos languidecer no cativerio? Non. Gwennyfar, aínda arrubiada e non de todo decidida, acepta a oferta da Realeza. Despois dunha cea baixo o ceo cor amatista, con alimentos de gusto sutil e marabilloso pero que non lembrarán pasada a noite, os humanos retíranse a durmir en leitos de herba perfumada e mol, mentres Gwennyfar acompaña á Realeza a unha noite que non esquecerá en moito tempo.

Á mañá seguinte os personaxes son conducidos de novo á Corte, onde unha Realeza moito máis satisfeita comunícalles que está disposta a liberar ós ananos que están baixo a súa custodia, aínda que non son todos. Varios deles non chegaron a entrar nas súas terras, senón que fuxiron e perdéronse nun lugar onde as Fadas non poden, e nunca deberían, entrar. Tamén ofrécese a axudarlles na súa -outra- misión, pero para facelo pídelles unha axuda a cambio. O seu curmán lonxano, o Far Dorocha, anda enleando cos humanos de Hynderten. Ó contrario ca o resto da Corte, Dorocha considera que a familia Leundar non debería ter roto nunca os seus acordos coas Fadas, que concedían ós cabezas de familia poder máxico a cambio de certas concesións ata hai catro xeracións. Ata hai uns anos era só unha teima que o levaba a rosmar pola Corte, pero cando Hestun comezou a buscar poder máxico por outros medios, a súa indignación fíxose máis forte, ata que un día desapareceu da Corte. Todo indicaba que cruzara ó Outro Lado, e efectivamente os espías da Realeza confirmaron a súa presencia en Hynderten pero non ousaron achegarse a un nobre de tan alto berce. Por suposto os personaxes non sofren deses tabúes e son polo tanto perfectos para traer de volta ó Far Dorocha, san a ser posible, e vivo en calquera caso.
Sorrindo cun sorriso perfecto mesmo en resposta á ollada medio ciumenta de Sama, a Realeza indica ós seus servidores que acompañen ós personaxes e á media ducia de ananos liberados a un dos Lugares de Paso, por onde poderán voltar cando teñan no seu poder ó Far Dorocha.

De volta no campamento dos prospectores, os personaxes son festexados coma heroes polos ananos, mentres Gwennyfar mantense afastada e Sama faille compañía en silencio. Acompañados de volta a Hynderten, reportan os seus achádegos ós líderes do clan Voronde, que se amosan satisfeitos pero preocupados polo destino do resto dos seus parentes. Adalbern aproveita a visita para facer un par de encargas a Hurstan e os ferreiros do clan, incluíndo unha cadea de ferro frío. Recollendo os informes de Sotah, a escudeira de Angra, descobren que o Far Dorocha segue a visitar a Mergit cada poucos días. Achégase a noite da presentación en sociedade da rapaza e os nosos heroes póñense de novo en contacto con Hestun Leundar para comunicarlle a nova situación, e comezan a planear como intervir antes da data, para evitar meirandes transtornos. Trazan varios plans, incluíndo vixiar máis estreitamente, e mesmo substituir a Mergit for unha Gwennyfar disfrazada.

Tras unha primeira visita, Gwennyfar vai facendo boas migas coa rapaza nobre, gañando a súa confianza e compartendo con ela unha conversa sobre o seu futuro, os seus desexos e soños e a forma de tentar realizalos a pesar da posible oposición da súa nai. Aínda que a conversa remata cunha certa frialdade polo tema do misterioso admirador, Mergit mesmo agasalla a Gwennyfar un dos seus vestidos. A falla de tan só uns días, os plans dos personaxes precipítanse, forzándoos a establecer unha garda arredor da torre de Mergit, mentres Gwennyfar visítaa de novo. O resto do grupo prepárase para a chegada do Far Dorocha, con Angra apostado no tellado da torre e Sama e Adalbern fóra da vista no tellado da mansión. Dentro, as dúas mozas manteñen unha emocional conversa que cristaliza a súa amizade coma só a confirmación de estar soas contra o cruel mundo na busca do AMOR pode unir a dúas adolescentes.

De súpeto, unha canción de estraña beleza inhumana rompe o silencio da noite. Os nosos heroes resisten o seu pulo embriagador, non así Mergit que non pode evitar achegarse á fiestra baixo a que canta o seu misterioso pretendente. Mentres Gwennyfar fai por retela, Angra salta dende o tellado, mais o Far Dorocha esváese entre as sombras, reaparecendo a varios metros. Adalbern maniobra para achegarse sen ser visto, sacando con coidado a cadea de ferro frío do seu zurrón. Por algún motivo Sama mantense afastado da pelexa, vixiando a Mergit e Gwennyfar pola fiestra. Cando Angra carga contra o Far Dorocha este contraataca cun ataque máxico que fai caer ó cabaleiro a rolos polo tellado, agarrándose en última instancia ó beirado. Esvaíndose de novo, o Far Dorocha reaparece a carón da fiestra, chamando a Mergit que segue a ser retida por Gwennyfar. A elfa tenta convencela de que só está a ser manipulada, seguindo cos mesmos argumentos da súa conversa anterior. Mentres Mergit debátese entre a influencia máxica da fada e as verbas da súa nova amiga, Adalbern achégase sixiloso e lanza a cadea coma unha tralla para immobilizar ó Far Dorocha.
E o Far Dorocha estoura en mil anacos de cristal.
O silencio e o impacto son enormes. Gwennyfar conseguiu escudar case por completo a Mergit, pero ela e máis Adalbern recibiron multitude de cortes. A filla da baronesa está muda e aterrorizada. Sama entra pola fiestra con intención de usa-lo seu coñecemento da maxia natural para curar a Gwennyfar pero esta, alporizada polo sucedido e pola situación da súa amiga, rexéitao con brusquedade. Investigando os anacos, Adalbern non está nada convencido de que ese fose o auténtico Far Dorocha. As fadas, á fin e ó cabo, son mestras da maxia enganosa e o ferro frío debería telo debilitado, non destruído de semellante maneira. Con tacto e paciencia conseguen convencer a Mergit de que este non era o seu misterioso admirador, e deixando a Sotah de garda retíranse para planea-lo seu seguinte movemento, sabedores de que o Far Dorocha probablemente os teña definitivamente localizados despois deste incidente.

Ó día seguinte reciben a invitación formal á presentación de Mergit coma adulta. Cada un deles prepárase coma mellor entenden, con Adalbern e Sama tomando unhas leccións de baile -Adalbern lembrando que, nun momento de ousadía pediu a Hestun o privilexio dun baile na celebración-, e Gwennyfar amañando os danos que sufriu o vestido no incidente da noite anterior. Adalbern busca ó vidreiro no mercado local para preguntarlle polos anacos de cristal. O home semella sorprendido ó non atopar marcas de ferramentas nin de soprado no cristal, pedíndolle a Adalbern un pequeno anaco, que este concede de bo gusto. Por suposto manteñen a vixiancia por medio de Sotah, e mesmo fan unha visita a Mergit durante a cal ela e Gwennyfar teñen unha nova conversa, tendidas na herba do xardín do pazo mentres Sama e Adalbern vixían dende a terraza. É neste momento cando Sama revela a Adalbern a súa preocupación por Gwennyfar, que o fixo actuar de modo estraño ultimamente. O caravaneiro está convencido de que Gwennyfar está preñada despois da noite de paixón coa Realeza feérica, e teme pola súa saúde e a do posible retoño real. Adalbern, digamos, mantense escéptico, pero Sama segue convencido ata o punto de preguntar a Liupold mediante as Pedras Mensaxeiras sobre a duración dun embarazo nunha elfa, para a evidente sorpresa do sacerdote.

Chegada a tardiña do día da celebración, os nosos heroes chegan ó Pazo, non coma o séquito do cabaleiro Angra, senón coma invitados do Clan Voronde. A mesma baronesa preséntalles ós invitados, que inclúen figuras coma Eman Nydgart, o cabeza da familia Nydgart e tío de Adalbern, recén chegado da capital, O señor Carstan, mercader de Flümad e, sen que o saiban o resto dos invitados pero si os personaxes, o máis influinte dos Platas da cidade, e a súa compañeira Fleuris, muller de impresionante beleza e unha das máis brillantes luces da vida social dos burgueses flumenses. Tamén están invitadas as forzas vivas da cidade, o alcalde Sildar coa súa familia, os líderes do Clan Voronde e os sacerdotes dos dous principais templos da cidade, a Flamíxera Suzaint do Salón do Lume e o Fecundo Albarend da Casa do Pai, e a mercader de Nauerer Talaia Ersten, amiga de Hestun aínda ca ben máis nova ca ela, co seu home e o fillo pequeno dambos. Varios nobres locais trouxeron ós seus fillos coma posibles pretendentes de Mergit, e tamén están presentes un xoven cabaleiro da gran cidade de Suqstadt, en viaxe cara a Vorkuta e un misterioso aristócrata medio elfo do lonxano reino de Salisith, no continente oriental de Seukem.

A cea é formal pero distendida, cos personaxes relacionándose cos invitados de maneira relaxada, recibindo certa curiosidade por parte dalgúns deles e sendo claramente favorecidos por Hestun, Mergit a pesares do nerviosa que ten que estar, e os Voronde. Despois de gozar das especialidades culinarias da rexión, incluíndo un sorprendente uso do falsámbar, a falsa xoia feita coa resina dos abetos prateados endémicos da Meseta, coma ingrediente, e de rematar a cea cunha copa de sidra de inverno, perigosamente doce e fortísima, chega o momento das probas que sinalarán o paso de Mergit á idade adulta.

A pesares de chamarlles “probas”, en realidade trátase dun asunto informal no que Mergit fai exhibición dos seus talentos e aprendizaxe. Primeiro toca unha peza no clavicordio, cousa que fai con bastante destreza, se ben non semella apaixoarlle. Gústalle, iso si, a reacción dos asistentes. 

A continuación varios dos invitados fanlle preguntas informais arredor da mesa, comezando por Eman Nydgart, que lle pregunta polas súas aspiracións coma herdeira da baronía. Despois da súa conversa con Gwennyfar, Mergit está moito máis segura de querer viaxar á Capital, e Eman semella compracido pola súa franqueza. Mesmo Hestun non semella opoñerse aínda que claro, a presenza dos invitados require certa discreción.

A Flamíxera faille un breve exame sobre as súas crenzas relixiosas, sen semellar moi convencida das respostas da rapaza. Non semella que Mergit sexa especialmente devota, e os máis perceptivos de entre os personaxes decatáronse xa de que a Flamíxera é unha muller amargada pola súa situación nesta cidade alonxada dos centros de poder e influencia.

O Fecundo, pola súa banda, pregúntalle se ten plans de formar unha familia. A súa risada posterior fai evidente que só falaba medio en serio, representando o seu papel de sacerdote da fertilidade. En realidade a pregunta non é tan parva coma pode semellar. Albarend está a vixia-la resposta de Mergit e a reacción da súa nai, e semella compracido pola maneira en que Mergit deixa a decisión educadamente para un momento posterior e a súa nai semella estar de acordo.

Finalmente Hestun cun aceno da cabeza cederá a palabra a Angra “ou a algún dos membros do seu séquito” que se atopan presentes coma visitantes de honra, en parte por petición do Clan Voronde ó que fixeron un gran servicio. É o seu momento de facer unha pregunta. Gwennyfar aproveita a oportunidade para repetir unha pregunta que xa lle fixera a Mergit nunha das súas conversas. “Quen é Mergit Leundar?” A rapaza, compracida pola pregunta, deixa ben clara a súa posición. Mergit Leundar é unha muller adulta, unha dama da Casa Leundar. Responsable da súa parte do futuro da familia pero tamén unha muller coa capacidade e a vontade de tomar as súas propias decisións. A sorpresa de Hestun é xenuina, e tamén compracida. Se cadra ve nesta firmeza algo da súa propia mocidade.

Finalmente, Hestun ponse en pé de novo e facendo un aceno cara ós sacerdotes solicita a bendición dos deuses para Mergit. Despois desta, que é concedida de bo grao polos dous sacerdotes presentes, a propia Hestun inclínase cara á súa filla para lle descobrer a cabeza e anunciar que se converteu nunha adulta e unha Dama de casa Leundar, recalcando a antigüidade e lonxevidade da casa. A orde da cerimonia deixa claro que é esta confirmación dende dentro da familia e non as probas por parte de estraños nen a bendición dos sacerdotes o que Hestun considera efectivamente coma o rito de madurez.

E finalizado este trance, chega o momento do baile. Os músicos entran dende a á dos serventes, con Sama vixiándoos atentamente por se a súa música agocha algo de maxia, a mesa é recollida só para quedar de novo ocupada polo tabaco e os licores para aqueles menos dados ó baile, e os demáis desprázanse ó salón de baile para gozar dunha velada social. Coma acordara con Mergit, Gwennyfar retírase un intre e volve e forma de armiño para colocarse no ombreiro da súa amiga durante o baile.
O primeiro en bailar con Mergit é Eman Nydgart, coma invitado de honra que é. Non cruzan máis verbas ca uns saúdos formais durante o baile, probablemente porque sería un algo indecoroso. De seguido, o Plata Carstan pídelle un baile a Mergit. É un bo bailarín, e aínda que non semella ter intención ningunha de seducir á moza, ela queda un algo pillada con este home de mundo, carismático e nada avergoñado do seu porte rotundo, que baila con soltura e faina sentir case tan fermosa coma Fleuris por un momento.
O baile continúa, cos pretendentes conversando con Mergit con máis ou menos fortuna, Adalbern bailando con Hestun de maneira bastante digna, Sama vixiando a Gwennyfar e preguntándose que terribles efectos sobre o embarazo poden ter tantas transformacións máxicas…
Na súa forma de armiño, Gwennyfar decátase de que Ashmin, o xoven cabaleiro razemi, semella estar tentando convencer a Mergit de fuxir xuntos nunha conversa en tensos murmurios. Gracias a isto está algo máis preparada cando, chegando á fin da velada, o Far Dorocha fai o seu movemento:

Unha brétema escura e antinatural enche o salón, e Ashmin revélase coma o Far Dorocha, mentres o seu escudeiro e mentor despóxase do seu disfraz ilusorio para amosarse coma unha copia levemente pálida a traslúcida do Far, coma se estivese feito de cristal. Dúas copias máis aparecen entre a brétema, e os heroes teñen que se enfrontar a elas. Gracias ás súas conversas con Gwennyfar, Mergit négase a marchar coa Fada, o cal obriga ó Far a tentar levala pola forza coa axuda dunha das súas copias. Mentres Gwennyfar, brandindo unha folla flamíxera invocada pola súa sabedoría druídica, e Sama cos seus pinchos combaten cos duplicados, Angra defende ós invitados e Adalbern tenta impedir que o Far escape, lanzándose contra as súas pernas. O nobre feérico esquívao cunha axilidade sobrenatural, pero ó facelo perde uns segundos preciosos, que o Plata Carstan aproveita para se meter no medio. Non entende moi ben de que vai o asunto, pero coñece a Adalbern por reputación e semella boa idea poñerse no seu mesmo bando. A pelexa continúa, frenética e desesperada. Un dos duplicados é destruido polo Plata, as achas de cristal da súa defunción ferindo a Adalbern que tentaba razoar co Far Dorocha mentres tentaba evitar ser asasinado polo duplicado, tamén ferindo a Gwennyfar e Mergit, esta última gravemente. Gwennyfar, sorprendida e doída ó ver á súa amiga lacerada e inconsciente, lánzase sobre ela para protexela, botándolle en cara ó Far Dorocha a súa insensibilidade. “Para! PARA! Vala matar!” A voz da elfa corta a brétema que comeza a se disipar, o Far Dorocha, vendo a posibilidade perdida, tenta acadar unha fiestra pola que fuxir, deixando atrás ós seus duplicados para que o protexan, pero Gwennyfar, na súa ira, invoca o poder da tormenta para lanzar unha onda de son atronadora, que abouxa á concurrencia e pulveriza ás copias de cristal do Far. Mentres tanto, coas costas cubertas pola druida, Adalbern consegue agarrar ó Far pola capa, a mesma capa pola que xa case o conseguira atrapar unha vez, e derrubalo cunha dolorosa cambadela que nas rúas de Vorkuta chaman “o discreto paso de baile”.

Mentres a brétema desaparece completamente, e despois de comprobar que Mergit e os invitados atópanse ben, Hestun recorda ós personaxes que acordaran con ela permitirlle ter unha conversa co Far Dorocha antes de devolvelo ó seu lugar na Corte da Realeza.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *